DOSIER - TEMA 6

Benvidos e benvidas de novo.

 

Nesta entrada falarei das actividades e recursos utilizados na clase para traballar os contidos teóricos do tema 6 (as programacións didácticas), de que fixemos, como traballamos, e cales foron os resultados adquiridos.

 

Na primeira sesión, indagamos nas programacións didácticas da ESO, Bacharelato e EOI: características, estrutura, lexislación, etc. Ademais, tratamos a temática da oposición e como se avalían as programacións didácticas presentadas polos opositores. Tendo isto último presente, fixemos unha actividade grupal na que analizamos unha programación didáctica e a avaliamos segundo a rúbrica empregada nas oposicións. No noso caso, escollimos a Escola Oficial de Idiomas de Vigo, e centrámonos no nivel B2 (B2.1. e B2.2.). Realizamos a análise tanto nun documento de Word como nunha presentación. Na seguinte sesión, presentamos a nosa análise ao resto da clase, e escoitamos as presentacións do resto de compañeiros e compañeiras. 



No caso da programación que analizamos nós, concluímos que estaba ben elaborada en canto a contidos, avaliación e cualificación, máis carece de plan lector e as medidas e atención á diversidade e ao ACNEAE e NEE son tamén incompletas, dende o noso punto de vista. Ademais, cómpre sinalar que nas programacións das EOI non hai estándares de aprendizaxe, senón mínimos esixibles. En liñas xerais, as presentacións dos nosos compañeiros tamén amosaron que as programacións escollidas non obterían unha boa nota segundo a rúbrica de avaliación das oposicións. 

 

Finalmente, fixemos unha actividade que consistía na elaboración entre toda a clase dunha programación didáctica «ideal». Para levar a cabo esta actividade, volvímonos a dividir en grupos, aos que se lle asignaron cadansúa sección desta programación didáctica. Decidimos elaborar a programación da materia de inglés de 4º da ESO. 

 

Ao meu parecer, estas actividades facilitan a comprensión e asimilación das programacións didácticas, así como unha análise crítica. Ademais, permítennos coñecer máis de preto as rúbricas de avaliación das oposicións e como se tería que levar a cabo a preparación dunha boa programación didáctica.

 

Comentarios

Publicacións populares